Visitando Baise Moi

Como na obra de Despentes, as protagonistas da micronovela son dúas mulleres que se atopan de maneira accidental. As figuras masculinas, super heroes coñecidos, como Súperman ou Robin (compañeiro de Batman),sucédense e sucederanse, pero en facetas da súa vida moi distintas ás mostradas nos habituais formatos da banda deseñada. 
Sen desvelar moito sobre a trama, xuntas comezarán unha viaxe que as levará a diferentes puntos dunha xeografía sen referencias coñecidas, pero que trasladará ao lector ou lectora ao seu entorno máis próximo e coñecido. Denunciarán, con cada situación cotiá, agresións constates nun entorno dominado maioritariamente por homes.
O peso do discurso recae no feito de que se narra un encontro casual entre Penélope e Circe. A primeira, vítima do amor romántico, despois de renunciar á súa vida agardando por un home que decidíu saír na procura da súa realización persoal, tenta reconducir a súa existencia iniciando unha viaxe de autoafirmación. A segunda, unha vez liberada da senda que a sociedade lle tiña reservada, comeza un proceso de emancipación colectivo que rematará coa liberación do seu planeta de orixe. Xuntas, terán a posibilidade de cambiar as súas vidas, así como as vidas das persoas coas que se irán atopando.