Reconversión dun clásico.

Cando comecei a darlle voltas á idea de facer un relato de tamática 'monstruosa', viñéronme á cabeza as cancións do Frat Rock, aquela música xurdida nas fraternidades universitarias estadounidenses dos anos '60. Pezas cunha letra cavernosa, chea de todo tipo de monstros, pero sen nada alén da tona superficial, unha trama tan simple como as propias melodías. Cheguei á conclusión de que era preciso establecer, cando menos, dúas lecturas. Unha primeira lectura superficial, onde o humor se mesturase con personaxes coñecidos da mitoloxía da banda deseñada e, ao mesmo tempo, unha segunda lectura moito máis fonda, da que se puidese sacar algunha reflexión para o debate. 
Ligado a este último punto, un dos aspectos que máis me preocupaba, era como reproducir un ambiente Frat ou de ciencia ficción ligado aos super herores clásicos sen incidir no tratamento que nestas obras se dá á muller, nas que se perpetúa a imaxe de debilidade e indefensión desta con respecto ao xénero masculino. Inmediatamente veume á cabeza unha obra interesante de Virgine Despentes, A Teoría King Kong, e seguindo o fío desta autora, decidín presentar os personaxes femininos como ela retratara ás súas protagonistas en Baise Moi. Mulleres que rachaban co clixé feminino, para dirixir o seu propio camiño, arrasando, literalmente, con todo o que podía significar un freo para os seus intereses.